27/07/11

O carballo anano xa está protexido a nivel legal

Case 4 anos despois, os esforzos de ADEGA cóbado con cóbado cos veciños de Carnota deu os seus froitos, e o carballo anano (Quercus lusitanica Lam) xa forma parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas* na categoría de vulnerable.

Esta iniciativa partiu dun intenso traballo de campo (na foto) desenvolvido ao longo do ano 2008 polo biólogo Martiño-Fiz López Lindoso (que tamén é relator da proposta de Parque Natural no Monte Pindo), que acompañado de varios veciños de Carnota subiron ao Monte Pindo para localizar as cepas do Carballo anano, comprobar o seu estado e tentar delimitar a súa densidade e extensión real, que sorpresivamente resultou ser maior á que podería agardarse sabendo que a poboación máis cercana está a 500 quilómetros de distancia.

A memoria técnica froito deste estudo polo que se solicita a inclusión do carballo do Monte Pindo no Catálogo presentouse ao Observatorio Galego da Biodiversidade o 6 de marzo de 2008. Mais non foi ata 7 meses despois, a finais de setembro, cando se reuniu o Observatorio para tratalo asunto, resolvendo apoiar esta iniciativa e trasladar a solicitude á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para a súa publicación no boletín oficial.

Foi aí cando comezou o calvario para o Carballo anano e os colectivos que buscamos a protección desta especie única en Galicia e escasa en Europa. Máis de 2 anos tardou en volver saberse nada desta iniciativa, que rematou perdida nalgún caixón da Xunta, ata que volviu a desempoarse na seguinte reunión do Observatorio Galego, a do 22 de decembro de 2010, tras meses esixindo unha reunión dese organismo -mesmo mediante denuncias de ADEGA ante o Valedor do Pobo- para, entre outras cousas, poder tratar a declaración de Parque Natural do Monte Pindo.

Nesa xuntanza ADEGA e outros colectivos pediron explicacións pola rocambolesca tramitación da protección do Carballo anano, e sobre todo porque dous anos e pico despois aínda non se fixese efectiva. Parece que esa reunión si supuxo un revulsivo, e se ben aínda tardaría case 7 meses máis, finalmente o 1 de xullo de 2011 a Consellería de Medio Rural aprobou incluír o Quercus lusitanica* no Catálogo, cousa que non pasaría ata un mes despois; 3 anos, 4 meses e 22 días de espera, que para o Carballo anano puideron ser demasiados.

Malia a lentitude dunha administración anquilosada, finalmente ADEGA e a Asociación Monte Pindo podemos celebrar a proteccion definitiva do Carballo anano do Monte Pindo, que só será posible coa implicación de todos e todas na defensa deste monte. Todos temos que ser conscientes da relevancia deste auténtico tesouro natural que temos o privilexio de compartir con pequenas zonas de Marrocos, sur de Portugal e Andalucía, e que debemos ser quen de legar a fillos e netos para que poidan seguir disfrutándoo.

Asi mesmo, cremos que agora o Parque Natural cobra máis sentido que nunca, pois cada vez queda máis claro que a razón está da nosa parte, e que se non temos aínda Parque Natural é por pura falta de vontade política do actual executivo autonómico.

Pero se facemos a suficiente presión veciñal e cidadá, esta postura pode e debe modificarse. Non debemos relaxar a nosa aposta polo medio, temos que seguir ampliando a nosa reivindicación a máis xente e máis sitios, sumando os apoios, ideas e esforzos de todas as persoas interesadas no noso medio á Asociación Monte Pindo Parque Natural. Anímate a apoiarnos!

Ah, e xa podes mercar na nosa tenda a camiseta do Carballo Añón que editamos para conmemorar este evento histórico!

*NOTA: Ademais do carballo anano, tamén se inclúen nesta actualización do catálogo a bucina mariña (Charonía lampas L.), a libélula (Oxygastra curtisii), a aguia pescadora (Pandion haliaetus L.) e curroxo real (Phoenicurus phoenicurus L.) dentro das aves, asi como os morcegos Nyctalus noctula e o Nyctalus lasiopterus dentro dos mamíferos. Dase a circunstancia de que, a excepción do Carballo Anano, todas elas están xa incluídas no Catálogo Español de Especies Amenazadas.