Case 4 anos despois, os esforzos de
ADEGA cóbado con cóbado cos veciños de Carnota deu os seus froitos, e
o carballo anano (Quercus lusitanica Lam) xa forma parte do Catálogo Galego de Especies Ameazadas* na categoría de vulnerable.
Esta iniciativa partiu dun intenso traballo de campo (na foto) desenvolvido ao longo do ano 2008 polo biólogo Martiño-Fiz López Lindoso (que tamén é relator da proposta de Parque Natural no Monte Pindo), que acompañado de varios veciños de Carnota subiron ao Monte Pindo para localizar as cepas do Carballo anano, comprobar o seu estado e tentar delimitar a súa densidade e extensión real, que sorpresivamente resultou ser maior á que podería agardarse sabendo que a poboación máis cercana está a 500 quilómetros de distancia.
A memoria técnica froito deste estudo polo que se solicita a inclusión do carballo do Monte Pindo no Catálogo presentouse ao Observatorio Galego da Biodiversidade o 6 de marzo de 2008. Mais non foi ata 7 meses despois, a finais de setembro, cando se reuniu o Observatorio para tratalo asunto, resolvendo apoiar esta iniciativa e trasladar a solicitude á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para a súa publicación no boletín oficial.
Foi aí cando comezou o calvario para o Carballo anano e os colectivos que buscamos a protección desta especie única en Galicia e escasa en Europa. Máis de 2 anos tardou en volver saberse nada desta iniciativa, que rematou perdida nalgún caixón da Xunta, ata que volviu a desempoarse na seguinte reunión do Observatorio Galego,
a do 22 de decembro de 2010, tras meses esixindo unha reunión dese organismo -mesmo mediante
denuncias de ADEGA ante o Valedor do Pobo- para, entre outras cousas, poder tratar
a declaración de Parque Natural do Monte Pindo.
Nesa xuntanza ADEGA e outros colectivos pediron explicacións pola rocambolesca tramitación da protección do Carballo anano, e sobre todo porque dous anos e pico despois aínda non se fixese efectiva. Parece que esa reunión si supuxo un revulsivo, e se ben aínda tardaría case 7 meses máis, finalmente o 1 de xullo de 2011 a Consellería de Medio Rural
aprobou incluír o
Quercus lusitanica* no Catálogo, cousa que non pasaría
ata un mes despois;
3 anos, 4 meses e 22 días de espera, que para o Carballo anano puideron ser demasiados.
Malia a lentitude dunha administración anquilosada, finalmente ADEGA e a Asociación Monte Pindo podemos celebrar a proteccion definitiva do Carballo anano do Monte Pindo, que só será posible coa implicación de todos e todas na defensa deste monte. Todos temos que ser conscientes da relevancia deste auténtico tesouro natural que temos o privilexio de compartir con pequenas zonas de Marrocos, sur de Portugal e Andalucía, e que debemos ser quen de legar a fillos e netos para que poidan seguir disfrutándoo.
Asi mesmo, cremos que agora o Parque Natural cobra máis sentido que nunca, pois cada vez queda máis claro que
a razón está da nosa parte, e que se non temos aínda Parque Natural é por pura falta de vontade política do actual executivo autonómico.
Pero se facemos a suficiente presión veciñal e cidadá, esta postura pode e debe modificarse. Non debemos relaxar a nosa aposta polo medio, temos que seguir ampliando a nosa reivindicación a máis xente e máis sitios, sumando os apoios, ideas e esforzos de todas as persoas interesadas no noso medio á Asociación Monte Pindo Parque Natural. Anímate a
apoiarnos!
Ah, e xa podes mercar na nosa
tenda a camiseta do Carballo Añón que editamos para conmemorar este evento histórico!
*NOTA: Ademais do carballo anano, tamén se inclúen nesta actualización do catálogo a bucina mariña (Charonía lampas L.), a libélula (Oxygastra curtisii), a aguia pescadora (Pandion haliaetus L.) e curroxo real (Phoenicurus phoenicurus L.) dentro das aves, asi como os morcegos Nyctalus noctula e o Nyctalus lasiopterus dentro dos mamíferos. Dase a circunstancia de que, a excepción do Carballo Anano, todas elas están xa incluídas no Catálogo Español de Especies Amenazadas.