10/06/11

O lendario veleiro "Sea Cloud" visita o Monte Pindo

Un namorado do mar, amigo da nosa Asociación, comunicounos hoxe moi emocionado que o mítico veleiro Sea Cloud (Nube de Mar) botou as 16:15 horas de hoxe o áncora aos pés do Olimpo Celta para contemplalo no seu esplendor rosado de media tarde, deixándonos unha máxica estampa que parece máis propia doutros tempos. Ao cabo dunhas cinco horas e tras reconfortarse longamente coa visión deste enclave marítimo privilexiado entre o Monte Pindo e a cercana fin do mundo dos nosos antergos, o Finisterrae, soltaron amarras con rumbo ás Illas Cíes.

No ano 1931 o "Hussar V", un impresionante veleiro de 4 paos e 110 metros de eslora, bicou por primeira vez as augas de Kiel (Alemaña) para non deixar desde entón de surcar os océanos de todo o mundo, para orgullo dos seus promotores, E. F. Hutton, daquela magnate de Wall Street, e a súa dona, Marjorie M. Post, herdeira dun importante emporio dos cereais. E é que a visión de 3 mil metros cadrados de tea empurrando tal navío a toda vela non é para menos.

A tripulación, formada por ata 72 homes e mulleres, dispuña das máis avanzadas tecnoloxías da época coma o primeiro telégrafo transcontinental privado ou un dos primeiros conxeladores de alimentos, e desenvolvían a súa actividade en estancias amobladas con antigüidades dignas de museo. Por iso este buque, cuxa primeira ruta uniu as oficinas que tiña o magnate en Oakland, San Francisco e New York, foi recoñecido como o máis luxoso de toda unha época, e ademais cobrou un importante papel durante diferentes etapas históricas.

Tras o divorcio do matrimonio, o navío serviu á dona e á súa filla para visitar os máis paradisiacos paraxes do planeta, xa rebautizado como Sea Cloud (o seu nome actual), e chegou a ser embaixada oficial dos Estados Unidos, salvavidas de magnates en bancarrota, buque da Garda Costeira americana, localizador de submarinos durante a Segunda Guerra Mundial e incluso buque de observación meteorolóxico...

Restaurado e actualizado por completo en 1979 con todas as novidades tecnolóxicas coma a comunicación por satélite, 80 anos despois o Sea Cloud segue a escribir páxinas nos libros de historia, aos que xa pode engadir a súa visita de hoxe ao Olimpo Celta.

Desde esta ligazón da web MarineTraffic.com podedes seguir en tempo real todas as peripecias deste histórico navío, aínda que de seguro serán moito máis intensas e envexables as sensacións que estarán vivindo neste mesmo intre os seus afortunados tripulantes.
Fotos: David Trillo