A proposta do alcalde do Concello de Carnota de convertir o Monte Pindo nun coto de caza maior é unha posibilidade aterradora que pode perxudicar enormemente á fauna e máis ao funcionamento do propio ecosistema local.Licenciado en Bioloxía pola USC, é o representante de ADEGA no Observatorio Galego da Biodiversidade e o relator da iniciativa pola que se promove a declaración de Parque Natural no Monte Pindo, que contou co respaldo de expertos das tres universidades galegas e á que xa se sumaron ducias de colectivos e centos de individuos.
Os cotos de caza maior contan cun valado o suficientemente alto como para evitar que as especies cinexéticas abandonen o lugar e isto supón un atentado ecolóxico. O valado limita os movementos tanto das especies cinexéticas como as naturais, incluindo por suposto as especies protexidas. As consecuencias deste acto totalmente desaconsellable son a reducción das poboacións das distintas especies do Monte Pindo, artificialización do medio, introducción de especies cinexéticas foráneas de gran tamaño e impacto ambiental nunha área protexida pola Rede Natura. Posiblemente tamén ocorrerían outras prácticas comúns en outros cotos de caza maior como erradicación de especies predadoras co emprego de velenos e outras prácticas ilegais para a erradicación de especies naturais, escasas e protexidas pola lexislación.
A implantación dun coto de caza maior debe ser considerado, no caso que se realice, como un acto vandálico de grandes proporcións que separaría o ecosistema do Monte Pindo das súas áreas circundantes provocando danos irreparables no medio ambiente local e no ecosistema local.
Sen embargo hai que ter claro que para levar adiante un proxecto destas características é necesaria a elaboración dun estudo de impacto ambiental por estar dentro da Rede Natura 2000. En virtude da lexislación vixente un proxecto desta catadura será claramente desbotado polo estudo de impacto ambiental ao ser claramente incompatible coa conservación do medio ambiente. Deste xeito a administración encargada da avaliación ambiental veríase na obriga de rexeitalo e nunca debería levarse a cabo.
O proxecto de coto de caza maior no Monte Pindo sustraería unha paraxe tan destacable do desfrute público de todos os cidadáns e de feito privatizaría unha área natural de interese con consecuencias catastróficas para o medio ambiente o cal debe rexeitarse rotundamente e traballar para realizar proxectos alternativos máis ecolóxicos e de maior beneficio social para os habitantes da zona que rodea ao Monte Pindo.
▼
14/05/11
Martiño-Fiz L. Lindoso, biólogo: "Isto suporía un atentado ecolóxico"
Difundimos o seguinte artigo do biólogo Martiño-Fiz López Lindoso no que valora a proposta do coto de caza no Monte Pindo que o PP de Carnota pretende levar a cabo na próxima lexislatura.