31/05/11

No 1928 as cabras do Monte Pindo asombraban aos entendidos

Juan Rof Codina (1874-1967) era fillo dun ferreiro catalán e marchou a Madrid a estudar veterinaria; rematados os estudos aproba unhas oposicións de Sanidade Militar, polo que será destinado a Lugo en 1899. Aquí casa e pronto deixa a carreira militar para fundar unha clínica veterinaria, pero non só se dedica a curar animais, senón que se interesa profundamente polo estudo da gandaría, por exemplo pola mellora da raza rubia galega, como tamén se preocupa pola prevención e difusión, todo co ánimo de contribuír á mellora e progreso da agricultura galega.

Consciente de que o progreso non era só unha cuestión de melloras técnicas, senón tamén de avances sociais, participa activamente na vida política e na promoción de organizacións agrarias na loita contra o caciquismo e pola mellora da agricultura e da sociedade labrega, mellora que tiña que vir tamén cun cambio na mentalidade dos labregos. Podemos dicir que Rof Codina identificouse plenamente con Galicia e foi un galego máis e preocupado polo seu país de adopción, asumindo o compromiso agrarista do seu tempo.

De 1910 a 1932 exerce de Inspector de Hixiene Pecuaria na provincia da Coruña e leva a cabo un intenso labor de divulgación, pensando que era a maneira de que os avances técnicos fosen realidades postas en práctica polos labregos, que eran os que tiñan que aproveitarse destas melloras. Para iso colabora con frecuencia na prensa, dá conferencias ou colaborando na organización de concursos gandeiros e na creación de cooperativas para a comercialización do gando, etc. Así o xornal corcubionés Nerio fálanos dunha conferencia, que deu no Liceo de Artesáns desa vila o 22 de xaneiro de 1921, sobre a febre aftosa do gando. A crónica dinos que asistiron labregos das aldeas de Corcubión, pero tamén das de Fisterra, Cee, Dumbría e Muxía.

Coa chegada da ditadura de Primo de Ribera será desterrado a Córdoba, pero o goberno da II República daralle un cargo na Dirección Xeral de Gandería, polo que se marchará a Madrid. De novo coa ditadura franquista volverá ser desterrado, agora a Tenerife, vendo ademais como se desmontan todas as estruturas organizativas nas que se apoiaba para desenvolver o seu traballo, pero aínda así non se desanima e seguirá, ao volver a Lugo en 1941, co traballo divulgativo para que os labregos melloren a súa vida.

Aquí queremos presentar un artigo que publicou en outubro de 1928 no nº 5 do Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, revista que facía esta entidade que agrupaba aos entón moitos muxiáns que tiveran que emigrar á capital arxentina. Non sabemos como chegou este artigo ao boletín dos muxiáns, como tampouco temos máis información sobre as cabras que pacían entre as rochas do Pindo e chamaron a atención dos zoocténicos de Madrid. Na nosa mente está afondar co tempo neste tema que, entendemos, ten interese para o futuro do monte Pindo.
LAS CABRAS DEL PINDO

La impresión que causa al viajero el monte escarpado del Pindo, que se levanta frente al prodigioso salto del río Ezaro, es de que aquella mole de piedra está completamente inhabitada.

La falta de arbolado que se observa en el monte del Pindo y los grandes bloques de granito al descubierto, sin ninguna tierra vegetal que los cubra, de que está formado, hacen presumir que faltando la vida vegetal, no sea posible en sus peñas, la vida animal.

Y sin embargo, entre sus riscos viven durante todo el año varios rebaños de ganado cabrío, que aprovechan los musgos y hierbecillas que crecen entre las oquedades de aquellos abruptos peñascos.

Las cabras del Pindo, son de pequeño tamaño, muy ligeras y con el cuerpo cubierto de un pelo muy largo, que les hace muy estimables para el aprovechamiento de sus pieles y explotación del llamado pelo de cabra.

Cuando en 1913 la Asociación General de Ganaderos del Reino intentó hacer el estudio de la ganadería indígena nacional, fueron presentados en Madrid unos lotes de cabras de El Pindo, que llamaron poderosamente la atención de los zoocténicos que ignoraban la existencia en España de ganado cabrío de este tipo.

Al visitar el día de San José los “Amantes del Campo” de La Coruña la Hidroeléctrica del Pindo y gozar del soberbio espectáculo de la cascada del Ezaro, que aprisionada desarrolla una fuerza de 12.000 caballos, con los que funcionan 8 hornos eléctricos de ferromanganeso, ferrosilicio y carburo de calcio en Brens, recordábamos que por entre los riscos y peñascales de aquellos montes existía en estado natural un elemento de la ganadería gallega, que para los hombres de estudio tenía un valor de consideración y que se desconocía su existencia por la mayoría de los gallegos.

Juan Rof Codina

26/05/11

Vén de roteiro polo río Xallas!

A Plataforma para a Defensa do río Xallas e ADEGA, entidades colaboradoras da Asociación Monte Pindo Parque Natural, organizan este domingo 29 de maio un espectacular roteiro polo río Xallas, que transcurrirá desde Olveiroa bordeando o río e introducíndonos pola Devesa dos Anllares, para rematar no Mirador do Ézaro, onde contaremos cunha privilexiada vista panorámica do Monte Pindo desde a súa cara norte.

Ademais do seu interese natural e lúdico, a iniciativa tamén ten unha clara compoñente reivindicativa: a defensa do río Xallas, da Devesa dos Anllares e da nosa lingua. O río Xallas é o que conta con máis potencia hidroeléctrica instalada na bacía Galiza- Costa. Aínda así, a día de hoxe atópase ameazado de morte polas pretensións económicas dunha empresa, Ferroatlántica, que pretende construír outras tres novas centrais nun treito do Xallas no que xa conta con 5 aproveitamentos e 4 encoros.

A paisaxe e a natureza destes lares é espectacular, e teremos a oportunidade de observar algúns dos poucos treitos de río virxes que se conservan, e marabillarnos coa beleza da Devesa de Anllares, única por ser o bosque atlántico máis occidental de Europa.
Datos de interese
  • O inicio do roteiro terá lugar en Olveiroa (concello de Dumbría), no bar As Pías, parada habitual dos peregrinos, ás 11 da mañá do domingo, 29 de Maio.
  • As 10:30 da mañá sairá un grupo desde o IES Fernando Blanco, no concello de Cee.
  • Desde Carnota tamén partirá unha comitiva da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Escríbenos a info@montepindo.org para quedar con nós se o precisas.
  • O percorrido será de aproximadamente 15 quilómetros á beira do Xallas, de dificultade media e trazado normal.
  • Durante o roteiro contaremos coa presenza de poetas da Costa da Morte que nos falarán sobre Pondal, e teremos un recital poético.
  • Comerase no percorrido, polo que é necesario levar a comida e a bebida da casa, e tamén o bo humor.
Se queredes coñecer un pouco máis a nosa privilexiada orografía, alí nos vemos!

18/05/11

22 de maio, eleccións municipais

O Monte Pindo está adquirindo un protagonismo totalmente inesperado nos comicios carnotáns, ata o punto de case centralizar o debate das ideas durante esta campaña, despois de que o actual alcalde de Carnota anunciara nun debate televisado a súa pretensión de converter o Monte Pindo nun coto de caza maior, o que xerou unha gran polémica á que non foron alleos os medios de comunicación, que trataron a cuestión do futuro do Monte Pindo e fixeron que os representantes das diversas formacións políticas carnotás se tiveran que pronunciar ao respecto.

Na Asociación congratúlanos que por unha vez o Olimpo Celta se convirta no centro de atención, e máis aínda nun momento tan crucial como é o de decidir que políticas se van desenvolver neste espazo durante os próximos 4 anos. A continuación explicamos as propostas e a actitude de cada formación con respecto ao Monte Pindo asi como de cadansúa valoración da iniciativa para declaralo Parque Natural.

Partido Popular
  • Candidato: José Domingo Cipriano Oreiro Rodríguez
  • Páxina web: www.ppcarnota2011.com
  • Encontro coa nosa Asociación: Non contestaron a solicitude.
  • Parque Natural: Rexéitao.
  • Propostas para o Monte Pindo: Coto de caza maior, roteiros de sendeirismo e ecuestres.
  • O parque natural, no programa electoral do PP no 2007
  • Comentario: A do PP de Carnota é sen dúbida a postura máis cambiante das tres forzas. De feito, durante case 10 anos o Parque Natural foi unha promesa do PP. Malia que agora téntao ocultar (sen demasiado éxito), a tradicional vontade de promover un Parque Natural no Monte Pindo está máis que evidenciada e documentada. Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia xa durante a campaña do 2003, José Oreiro propuña "entre otras medidas, crear el parque natural del monte Pindo". Catro anos despois, na campaña do 2007, o PP volve a constatar a proposta no seu programa electoral, que se pode ver na imaxe. Agora na campaña do 2011, xusto cando a proposta parece máis cerca de facerse realidade, o PP muda radicalmente de postura e pasa a rexeitar abertamente a idea, como nun recente artigo da Voz de Galicia: "Para el candidato del PP, la puesta en valor del monte es prioritaria pero rechaza que se declare parque natural". Evidentemente a proposta de Parque Natural é incompatible, como explicou o biólogo Martiño-Fiz López Lindoso, co coto de caza maior que pretende facer José Oreiro, e aínda que agora o alcalde nega ter feito tal proposta, xa se difundiu pola rede o fragmento do debate onde o expresa claramente:
Bloque Nacionalista Galego
  • Candidato: Ramón Noceda Caamaño
  • Páxina web: www.bng-carnota.org
  • Encontro coa nosa Asociación: Celebrouse no local do BNG o 29 de abril do 2011
  • Parque Natural: Apoio incondicional.
  • Propostas para o Monte Pindo: Declaración de Parque Natural, mellora de accesos e sinalización, programa continuado de actividades durante todo o ano, formación de guías especializados, integración dos roteiros nun futuro sendeiro costeiro entre Muros e O Pindo, revalorización dos conxuntos arqueolóxicos e musealización dos conxuntos de petroglifos fundamentais.
  • Comentario: A colaboración do BNG coa Asociación e a súa aposta polo Parque Natural foi incondicional desde o primeiro momento, e asi o reitera no seu programa e en numerosas manifestacións públicas.
Partido Socialista Obrero Español
  • Candidato: Xesús Campos Díaz
  • Páxina web: www.psoecarnota.com
  • Encontro coa nosa Asociación: Non contestaron a solicitude.
  • Parque Natural: Evita pronunciarse.
  • Propostas para o Monte Pindo: Proxecto Monte Pindo Costeiro e centro de interpretación da Rede Natura no Porto do Pindo.
  • Comentario: O PSOE carnotán non acaba de definirse sobre a proposta de Parque Natural, que nin sequera nomea no seu programa, se ben o seu posicionamento público varía desde unha inicial negativa máis ou menos velada ata un "apoio condicionado" nas últimas datas. A campaña do PSOE non fala da protección deste espazo senón que se centra en expoñer unha proposta propia denominada "Monte Pindo Costeiro" (un paquete de actuacións na zona), asi como un Centro de Interpretación que iría parar ao Porto do Pindo. Ironicamente, ningunha destas propostas implicaría algunha actuación concreta no propio Monte Pindo.
Pois ben, as cartas xa están botadas e agora é a veciñanza quen debe decidir o vindeiro 22 de maio co seu voto. Pase o que pase, e sexa cal sexa o candidato que obteña o suficiente respaldo veciñal para executar as súas propostas durante o vindeiro mandato, desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural queremos convidar á reflexión aos tres candidatos e os seus respectivos equipos: Lembrade que unha lexislatura municipal dura catro anos, pero o Monte Pindo xa durou 300 millóns de anos. Sorte.

    14/05/11

    Martiño-Fiz L. Lindoso, biólogo: "Isto suporía un atentado ecolóxico"

    Difundimos o seguinte artigo do biólogo Martiño-Fiz López Lindoso no que valora a proposta do coto de caza no Monte Pindo que o PP de Carnota pretende levar a cabo na próxima lexislatura.
    A proposta do alcalde do Concello de Carnota de convertir o Monte Pindo nun coto de caza maior é unha posibilidade aterradora que pode perxudicar enormemente á fauna e máis ao funcionamento do propio ecosistema local.

    Os cotos de caza maior contan cun valado o suficientemente alto como para evitar que as especies cinexéticas abandonen o lugar e isto supón un atentado ecolóxico. O valado limita os movementos tanto das especies cinexéticas como as naturais, incluindo por suposto as especies protexidas. As consecuencias deste acto totalmente desaconsellable son a reducción das poboacións das distintas especies do Monte Pindo, artificialización do medio, introducción de especies cinexéticas foráneas de gran tamaño e impacto ambiental nunha área protexida pola Rede Natura. Posiblemente tamén ocorrerían outras prácticas comúns en outros cotos de caza maior como erradicación de especies predadoras co emprego de velenos e outras prácticas ilegais para a erradicación de especies naturais, escasas e protexidas pola lexislación.

    A implantación dun coto de caza maior debe ser considerado, no caso que se realice, como un acto vandálico de grandes proporcións que separaría o ecosistema do Monte Pindo das súas áreas circundantes provocando danos irreparables no medio ambiente local e no ecosistema local.

    Sen embargo hai que ter claro que para levar adiante un proxecto destas características é necesaria a elaboración dun estudo de impacto ambiental por estar dentro da Rede Natura 2000. En virtude da lexislación vixente un proxecto desta catadura será claramente desbotado polo estudo de impacto ambiental ao ser claramente incompatible coa conservación do medio ambiente. Deste xeito a administración encargada da avaliación ambiental veríase na obriga de rexeitalo e nunca debería levarse a cabo.

    O proxecto de coto de caza maior no Monte Pindo sustraería unha paraxe tan destacable do desfrute público de todos os cidadáns e de feito privatizaría unha área natural de interese con consecuencias catastróficas para o medio ambiente o cal debe rexeitarse rotundamente e traballar para realizar proxectos alternativos máis ecolóxicos e de maior beneficio social para os habitantes da zona que rodea ao Monte Pindo.
    Martiño Fiz López Lindoso (Ourense, 1976) é biólogo.
    Licenciado en Bioloxía pola USC, é o representante de ADEGA no Observatorio Galego da Biodiversidade e o relator da iniciativa pola que se promove a declaración de Parque Natural no Monte Pindo, que contou co respaldo de expertos das tres universidades galegas e á que xa se sumaron ducias de colectivos e centos de individuos.

    05/05/11

    O PP de Carnota quere converter o Monte Pindo nun coto de caza maior

    Estupefacción entre os veciños ao saberse que no 2007 o PP prometía algo ben distinto para o Monte Pindo

    A Asociación Monte Pindo Parque Natural segue á expectativa das propostas electorais dos distintos partidos carnotáns para o Olimpo Celta. E aínda que só o BNG de Carnota se puxo en contacto con nós para explicárnolas polo miúdo e expresarnos o seu apoio incondicional ao Parque Natural, o pouco que imos coñecendo do programa das demais forzas parece diferir bastante do espírito do Parque Natural que segue a reclamar maioritariamente a sociedade.

    Se no caso do PSOE (no que entraremos polo miúdo máis adiante) esquivan referirse á proposta de Parque Natural, o candidato do PP á alcaldía de Carnota, José Oreiro Rodríguez, asegurou nun debate televisado que o PP pretendería valar o Monte Pindo para convertelo un couto de caza maior, abrindo para o groso da cidadanía só algúns días (non vos lembra a algo?).

    Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural queremos expresar a nosa absoluta indignación por semellante aberración e que aínda por enriba a difunda en público, menosprezando aos colectivos que amamos e procuramos día a día a protección e o desenvolvemento do Monte Pindo.

    Asi mesmo, lamentamos que desde a clase política se neguen a tan sequera escoitar as voces máis vencelladas coa defensa deste Monte.

    No ano 2007 o PP prometiu o que agora combate

    A indignación que compartimos coa maioría da veciñanza medra aínda máis por saber que unha das propostas do programa do PP de Carnota no ano 2007 foi, nin máis nin menos, o Parque Natural do Monte Pindo. Aquí tedes a proba.

    Señor alcalde, señoras e señores do Partido Popular de Carnota: Porque no 2007 o Parque Natural lles valía, e agora no 2011 o combaten?

    01/05/11

    O BNG de Carnota presentounos as súas propostas para o Monte Pindo


    Unha representación da Asociación Monte Pindo Parque Natural reuniuse o pasado venres con activos do BNG de Carnota para coñecer o proxecto dos nacionalistas carnotáns para os vindeiros catro anos, especialmente no que se refire ao eido medioambiental e por suposto o Monte Pindo.

    Á xuntanza, solicitada polos nacionalistas, asistiron por parte do noso colectivo o presidente Xilberto Caamaño, o secretario Mario Maceiras, asi como Lidia Figueiras e Xoán Manuel Lestón, membros da Comisión Rectora. Polo BNG asistiron o candidato á alcaldía Ramón Noceda, a portavoz municipal Merche Díaz e a responsable local do BNG Belén Campos.

    Durante o encontro Moncho Noceda reiterou a total colaboración do BNG coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, fíxonos entrega dunha copia do programa electoral e explicou os apartados relativos ao medioambiente e o Monte Pindo. Ademais Noceda tomou nota das propostas transmitidas polo presidente da nosa entidade, relacionadas coa intervención municipal no coidado e a protección deste espazo natural asi como a colaboración no arranxo de varios roteiros e espazos de interese que se atopan actualmente moi degradados. Xilberto tamén aproveitou para agradecer o apoio do BNG a esta causa desde o principio.

    No canto ás propostas do BNG no caso de acadar a alcaldía de Carnota, resumimos aqueles apartados que consideramos de maior interese para os nosos obxectivos:
    • Apoio inequívoco do goberno municipal de Carnota ao recoñecemento do Monte Pindo como Parque Natural.
    • Colaboración do goberno municipal coa Asociación no deseño dun programa permanente de actividades (roteiros, subidas á Moa...) a desenvolver durante todo o ano.
    • Mellora e sinalización dos principais accesos ao Monte Pindo.
    • Formación de guías especializados para potenciar un acceso seguro ao Monte Pindo de veciños e visitantes.
    • Integración dos roteiros do Monte Pindo nun futuro roteiro de sendeirismo costeiro entre Muros-O Pindo pola costa, cuxas xestións xa están iniciadas.
    • Revalorización dos conxuntos arqueolóxicos e musealización dos conxuntos de petroglifos fundamentais do noso concello, é dicir: Laxa Escrita, O Filladoiro e As Laxiñas.
    A maiores, noutros puntos do programa tamén se destaca o gran interese do BNG en colaborar coa nosa asociación: dentro do apartado que dedican ao fomento da participación veciñal e o reforzo do asociacionismo, propoñen a integración de todos os colectivos do noso Concello nun Rexistro Municipal de Asociacións co que pretenden que toda a veciñanza se implique no deseño das políticas municipais e tamén nos criterios de reparto dos orzamentos.
    Estes son, en rasgos xerais, os aspectos que consideramos de maior relevancia para os interesados na defensa do Monte Pindo. Se os socios e colaboradores da Asociación Monte Pindo Parque Natural o desexan, poden consultar o documento íntegro no noso local no Pindo.