18/05/11

22 de maio, eleccións municipais

O Monte Pindo está adquirindo un protagonismo totalmente inesperado nos comicios carnotáns, ata o punto de case centralizar o debate das ideas durante esta campaña, despois de que o actual alcalde de Carnota anunciara nun debate televisado a súa pretensión de converter o Monte Pindo nun coto de caza maior, o que xerou unha gran polémica á que non foron alleos os medios de comunicación, que trataron a cuestión do futuro do Monte Pindo e fixeron que os representantes das diversas formacións políticas carnotás se tiveran que pronunciar ao respecto.

Na Asociación congratúlanos que por unha vez o Olimpo Celta se convirta no centro de atención, e máis aínda nun momento tan crucial como é o de decidir que políticas se van desenvolver neste espazo durante os próximos 4 anos. A continuación explicamos as propostas e a actitude de cada formación con respecto ao Monte Pindo asi como de cadansúa valoración da iniciativa para declaralo Parque Natural.

Partido Popular
  • Candidato: José Domingo Cipriano Oreiro Rodríguez
  • Páxina web: www.ppcarnota2011.com
  • Encontro coa nosa Asociación: Non contestaron a solicitude.
  • Parque Natural: Rexéitao.
  • Propostas para o Monte Pindo: Coto de caza maior, roteiros de sendeirismo e ecuestres.
  • O parque natural, no programa electoral do PP no 2007
  • Comentario: A do PP de Carnota é sen dúbida a postura máis cambiante das tres forzas. De feito, durante case 10 anos o Parque Natural foi unha promesa do PP. Malia que agora téntao ocultar (sen demasiado éxito), a tradicional vontade de promover un Parque Natural no Monte Pindo está máis que evidenciada e documentada. Nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia xa durante a campaña do 2003, José Oreiro propuña "entre otras medidas, crear el parque natural del monte Pindo". Catro anos despois, na campaña do 2007, o PP volve a constatar a proposta no seu programa electoral, que se pode ver na imaxe. Agora na campaña do 2011, xusto cando a proposta parece máis cerca de facerse realidade, o PP muda radicalmente de postura e pasa a rexeitar abertamente a idea, como nun recente artigo da Voz de Galicia: "Para el candidato del PP, la puesta en valor del monte es prioritaria pero rechaza que se declare parque natural". Evidentemente a proposta de Parque Natural é incompatible, como explicou o biólogo Martiño-Fiz López Lindoso, co coto de caza maior que pretende facer José Oreiro, e aínda que agora o alcalde nega ter feito tal proposta, xa se difundiu pola rede o fragmento do debate onde o expresa claramente:
Bloque Nacionalista Galego
  • Candidato: Ramón Noceda Caamaño
  • Páxina web: www.bng-carnota.org
  • Encontro coa nosa Asociación: Celebrouse no local do BNG o 29 de abril do 2011
  • Parque Natural: Apoio incondicional.
  • Propostas para o Monte Pindo: Declaración de Parque Natural, mellora de accesos e sinalización, programa continuado de actividades durante todo o ano, formación de guías especializados, integración dos roteiros nun futuro sendeiro costeiro entre Muros e O Pindo, revalorización dos conxuntos arqueolóxicos e musealización dos conxuntos de petroglifos fundamentais.
  • Comentario: A colaboración do BNG coa Asociación e a súa aposta polo Parque Natural foi incondicional desde o primeiro momento, e asi o reitera no seu programa e en numerosas manifestacións públicas.
Partido Socialista Obrero Español
  • Candidato: Xesús Campos Díaz
  • Páxina web: www.psoecarnota.com
  • Encontro coa nosa Asociación: Non contestaron a solicitude.
  • Parque Natural: Evita pronunciarse.
  • Propostas para o Monte Pindo: Proxecto Monte Pindo Costeiro e centro de interpretación da Rede Natura no Porto do Pindo.
  • Comentario: O PSOE carnotán non acaba de definirse sobre a proposta de Parque Natural, que nin sequera nomea no seu programa, se ben o seu posicionamento público varía desde unha inicial negativa máis ou menos velada ata un "apoio condicionado" nas últimas datas. A campaña do PSOE non fala da protección deste espazo senón que se centra en expoñer unha proposta propia denominada "Monte Pindo Costeiro" (un paquete de actuacións na zona), asi como un Centro de Interpretación que iría parar ao Porto do Pindo. Ironicamente, ningunha destas propostas implicaría algunha actuación concreta no propio Monte Pindo.
Pois ben, as cartas xa están botadas e agora é a veciñanza quen debe decidir o vindeiro 22 de maio co seu voto. Pase o que pase, e sexa cal sexa o candidato que obteña o suficiente respaldo veciñal para executar as súas propostas durante o vindeiro mandato, desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural queremos convidar á reflexión aos tres candidatos e os seus respectivos equipos: Lembrade que unha lexislatura municipal dura catro anos, pero o Monte Pindo xa durou 300 millóns de anos. Sorte.