28/04/11

A asociación pide celebrar encontros coas diferentes formacións políticas do noso Concello

A Asociación Monte Pindo Parque Natural radícase fisicamente en Carnota, polo que loxicamente non é -nin debe ser- allea aos devires políticos deste concello. Máis ao contrario, e tomando en consideración que as trabas que separan ao Monte Pindo de converterse en Parque Natural parecen ser puramente políticas, a Comisión Rectora da nosa Asociación decidiu solicitar hoxe por escrito cadanseu encontro coas diferentes formacións políticas que concurrirán o 22 de maio ás eleccións municipais carnotás, a saber: PP, BNG e PSOE.

Estas xuntanzas teñen como obxectivo coñecer o programa e as ideas de cada formación, e compartir ideas e propostas nos eidos do Medio Ambiente, en xeral, e do Monte Pindo, en particular.

Agardamos que as forzas políticas do noso concello teñan a xentileza de recibirnos e que os encontros teñan un resultado positivo e nos sirvan a todos para avaliar a situación do Monte Pindo e tamén a estudar as súas inmensas potencialidades de futuro para Carnota e toda a Costa da Morte, sexa como Parque Natural ou calquera outro proxecto que poida xurdir.

Cabe engadir que, no caso do BNG de Carnota, foron eles mesmos os que nos solicitaron unha xuntanza hai días, como parte da rolda de contactos que están mantendo coas asociacións do noso municipio para presentarlles o seu programa definitivo.

O encontro da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural co BNG de Carnota vai ter lugar mañá, venres 29 de maio ás 20:00h, no local dos nacionalistas carnotáns nas Breas. Desta xuntanza, como de calquera outra que se nos conceda, daremos conta detallada neste mesmo espazo nuns días.

27/04/11

Rematamos o arranxo do roteiro a Pedra Cabalgada

A Asociación Monte Pindo Parque Natural ocupouse esta fin de semana dos derradeiros obstáculos existentes para que veciños e visitantes poidan transitar sen problemas polo roteiro tradicional recén recuperado desde a Solaina do Pindo ata a Pedra Cabalgada.

A diferencia da anterior xornada de traballo, que fora demasiado soleada e calurosa, esta nova xornada de traballo foi intempestiva, mais pese ao vento e a choiva un pequeno grupo de membros da Asociación fomos clareando o camiño de multitude de árbores queimadas durante os incendios de anos anteriores e derrubadas no camiño, asi como multitude de toxos e xestas que non conseguíramos limpar na xornada anterior, pero que xa non serán un problema para disfrutar desta fermosa senda recén recuperada.

Aparición nos informativos de V Televisión

Noutra orde de cousas, Mario Maceiras, secretario da nosa Asociación, representounos esta fin de semana nos informativos de V Televisión sobre a "apertura" da fervenza do Ézaro, aínda que no medio decidiran omitir toda referencia ao noso grupo e tamén á nosa reivindicación. Aquí podedes ver o corte.

18/04/11

Recuperamos o camiño a Pedra Cabalgada e visitamos a Cova dos Morcegos

Unha ducia de persoas seguiron a convocatoria do sábado desafiando un sol de xustiza para, convintemente armados con fouciños e outros enseres de desbroce, reabrir un camiño tradicional que levaba moitos anos impracticable polos toxos e as xestas, e aproveitando para recoller a toponimia e as lendas da zona.

O tramo recuperado transcurre desde a Solaina do Pindo ata a Pedra Cabalgada, un impresionante monumento natural en forma de bolo granítico xigante que, cal estatua, parece suxeitarse en fráxil equilibrio cunha peana.

Se ben a xornada foi moi produtiva, deixou pendente unha segunda visita, na que sinalaremos o roteiro axustándonos á normativa internacional de sendeirismo e clarearemos o camiño de numerosas árbores caídas polos sucesivos incendios, o que converte varios tramos nunha auténtica carreira de obstáculos.

Nace o «pinding», un novo e esixente deporte
Unha vez alcanzado o noso destino na Pedra Cabalgada, que celebramos sacándonos fotos de recordo, xantando, descansando e cantando, aínda tivemos folgos para continuar ata a Cova dos Morcegos, ascendendo a pulso por duras e escarpadas ladeiras inzadas de outeiros graníticos.

Esta esixente actividade física, que a retranca dos participantes deu en bautizar como pinding, levounos ata a máis grande das covas coñecidas no Monte Pindo, duns 15 metros de fondo e unha altura dunha persoa adulta, e que salvou a numerosos veciños da represión franquista durante a Guerra Civil.

A Asociación agradece a todos os asistentes a súa colaboración, sen a cal non sería posible recuperar esta fermosa senda que amplía aínda máis as posibilidades de disfrute das marabillas do Monte Pindo, e que nos anima a seguir nesta liña de traballo.

E como colofón da xornada, unha inesperada recompensa
A anécdota máis simpática produciuse xa ao remate da dura xornada. Un xubilado, veciño do lugar, sorprendeuse ao vernos derreados e recobrando as forzas na fonte da Solaina, polo que nos preguntou de onde víñamos. Nada máis descubrir que acabábamos de recuperar este sendeiro que case nin recordaba, agradeceunos o noso traballo e quixo ser o primeiro en inauguralo cun paseo na grata compaña do seu can. Este é, sen dúbida, o maior premio que podemos agardar ao noso esforzo.

Nota: A maioría das fotos deste artigo son por cortesía de Juan Louro Cambeiro, veciño do Ézaro. Podedes ver máis imaxes da xornada no seu album de Facebook. Tamén vos convidamos a disfrutar do seu excelente blog.

13/04/11

Ábrese por imperativo legal a fervenza do Ézaro... definitivamente?

As 19:00 horas de onte 12 de abril de 2011 marcaron un fito: o encoro de Santa Uxía abriu as súas comportas permitindo que, por fin, as augas do río Xallas volvesen a esvarar libres polas pétreas faces verticais da fervenza do Ézaro e a verquer de tal xeito sobre as augas do Océano Atlántico, aínda que nunha ínfinitésima parte de como o fixera naturalmente durante miles ou millóns de anos, ata a infame privatización xa hai 20 anos deste fenómeno natural único en Europa, polo daquela executivo autonómico liderado por Manuel Fraga Iribarne.

Sen embargo este logro histórico, anunciado en primicia por Que pasa na Costa e capturado polo lente do fotógrafo Marcos Rodríguez, non foi gratuito, senón que houbo que agardar a que por imperativo legal a empresa se vira obrigada a respectar o caudal ecolóxico. Para iso fixeron falta anos de loita ecoloxista esixindo a fin deste desleixo e que dunha vez volvese a vida á maxestuosa fervenza, xa sen peaxes nin horarios de visita ridículos que nos converteron no faimerir do mundo enteiro.

Esa loita firme hai medio ano decidimos continuala un grupo de veciñas e veciños constituíndonos na Asociación Monte Pindo Parque Natural, que desde entón non deixou de medrar en apoios, traballar e ilustrar as problemáticas deste espazo, probando que a defensa do noso medio natural é cousa de todos e non se debe deixar ao azar nin confiala sen máis aos gobernos de turno, que moitas veces non se rexen precisamente polos factores que resulten máis beneficiosos para o monte e nin sequera para as súas poboacións.

Esta pequena vitoria, que de seguro non será a última, ábrenos novos interrogantes, que polo momento nin a administración nin a empresa tiveron a axilidade ou a dilixencia de aclarar:
  • É esta apertura definitiva?
  • Remataronse por fin os vergonzosos horarios de apertura?
  • Prevese ampliar o caudal a -cando menos- o mesmo que tiña cando abría "para os turistas"?
  • Farase extensivo este aparente cambio de actitude tamén aos proxectos de novas minicentrais na carballeira de Anllares?
  • Cando deixarán de entregarse os nosos recursos naturais máis prezados e potenciais para o único beneficio dunha empresa privada?
En definitiva, esta doce vitoria súmase a outra moi recente, despois de que a Xunta finalmente desistira das súas pretensións iniciais de impulsar outro proxecto de Manuel Fraga para cercar con novos viraventos o Monte Pindo.

10/04/11

O Monte Pindo MOBilízase para ser parque natural!

Hoxe ás 21:30 horas en V Televisión, a loita pola declaración de Parque Natural para o Monte Pindo vivirá unha das súas citas históricas. E é que, por fin, vai ver a luz a gravación do capítulo sobre o Monte Pindo do programa MOBilízate, de man da produtora DangaDanga.

Esta iniciativa, que no caso do Pindo requeriu nada menos que dúas xornadas completas de gravación -flashmob aparte-, pretende darlle a causas que consideran "xustas e nobres" a debida relevancia mediática.

Hoxe, domingo 10 de abril a partir das 21:30 horas na canle V Televisión, estamos chamados a vivir a retransmisión televisiva da nosa reivindicación a todos os fogares galegos. Pero quen non teña a posibilidade de velo hoxe, sempre terá a opción de consultalo na web do programa.

08/04/11

A Xunta anuncia que finalmente non instalará novos muños de vento no Monte Pindo

Se é certo que a Xunta «aposta pola defensa do noso patrimonio natural», chamámolos a materializalo creando nesta lexislatura o Parque Natural do Monte Pindo

Logo dun mes de tensión tras o visto bo do executivo de Alberto Núñez Feijóo en marzo a tres novos parques eólicos no Monte Pindo, hoxe mesmo a Xunta saiu ao paso das críticas anunciando no Parlamento que finalmente non prevé continuar con estas actuacións.

Estes proxectos, que foran adxudicados dun xeito apresurado e pouco transparente polo executivo en funcións do ex-presidente da Xunta, Manuel Fraga, autorizaban a ampliación de tres parques eólicos no Campo da Lagoa, Braña Travesa e Devesa dos Anllares, todos eles nas inmediacións do Monte Pindo, e invadían espazos dun importante interese natural, paisaxístico e patrimonial, tal e como a Asociación xunto con outros moitos colectivos denunciamos enérxicamente porque demais do grave impacto directo, suporía un duro golpe ás inmensas potencialidades do Monte Pindo, que aspira a converterse no primeiro parque natural da Costa da Morte e no 7º de toda Galicia.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural congratúlase por esta magnífica noticia e saúda que a Xunta diga que «aposta pola defensa do noso patrimonio natural», palabras que lles convidamos a materializar creando o Parque Natural do Monte Pindo nesta lexislatura, pois a súa negativa cada día ten menos sentido.

Como vimos reivindicando por activa e por pasiva desde todos os sectores, o desenvolvemento do Monte Pindo e os seus beneficios para o conxunto dos cidadáns só poden partir desde a protección dos seus valores e o consenso da sociedade, e non autorizando actuacións destructivas irreversibles a espaldas da cidadanía.

O noso colectivo seguirá á espreita e tamén reclamará a reversión dos danos das actuacións industriais destructivas que xa se teñen producido.

06/04/11

Voluntariado no Monte Pindo (I): Roteiro da Pedra Cabalgada

O sábado 16 de abril ven coñecer e coidar o Monte Pindo participando con nós neste roteiro á Pedra Cabalgada!
PROGRAMA

10:00h. Saída desde a Confraría de Pescadores do Pindo (Carnota)

Durante o roteiro iremos limpando o camiño e despois xantaremos na Pedra Cabalgada.

Despois do xantar desenvolveremos diversas actividades de lecer, antes de comezar a descender.

Os asistentes deberán traer:
  • Fouciño (ou outro enser para o desbroce) e luvas de protección.
  • Mochila con cando menos xantar e bebida.
  • Calzado cómodo e roupa acaída ás condicións meteorolóxicas do día.
Confirma a túa asistencia en Facebook, escribindo a info@montepindo.org ou chamando ao 651 376 769.

04/04/11

Monte Pindo Parque Natural, Naturalmente (III)

Ler capítulo anterior | Ler capítulo seguinte
No alto do Pedrullo houbo castelo medieval, ó que pertencen as pedras caídas pola ladeira do outeiro. Diante, do outro lado do carreiro de ascensión, a pedra coñecida como Trono da Raíña Lupa, dende a que se contempla tanto mar como o expresado por Cunqueiro e o campo coñecido como Onde se Adora, lugar ó que eran levados os enfermos que se ofrecían ó Monte. Dende ese outeiro é posible contemplar o Coloso, observador de pedra hierático na súa altura. Pedro Marfany no libro Galicia Incógnita, deixou constancia en inventario fotográfico, das complexas e irregulares formas dos penedos, soños de pedra que se transforman segundo se modifica a luz. O mesmo valor ten o catálogo de imaxes que ao longo dos anos foi acumulando a fotógrafa Maribel Longueira.
A toponimia, expresión verbal do coñecemento do medio popular, proclama o valor que tivo para a xente da ribeira ou da montaña esta masa ciclópea que presidía as súa vidas: os xa citados Onde se Adora, Casa Xohana, Penafiel, o Pedrullo ou o Pozo Negro, xunto aos de Cima da Arca, Campo de Lourenzo ou Os Aguillóns. Popular tamén o refraneiro, rico na súa explicación do Pedregal: Borraxeira no Pedregal, vén o vendaval. Cando o monte Pindo ten touca, temos chuvia moita ou pouca. Farrapos no Pindo, segue durmindo. Pedregal escuro, vendaval seguro, todos eles recollidos por Clodio González Pérez.
Para a literatura de transmisión oral, o monte foi sempre elemento principal de referencia: Mociñas do Chan de Lamas/ dádelle a volta ao refaixo/ que os arrieiros do viño/ miran o que hai por debaixo; ou estas máis específicas do propio monte: Polo Pedregal do Pindo/ o sol vaise acabando/ e os amores vanse indo, ou esta outra: Subindo á Laxa da Moa/ un raposo encontrei,/sacoume unha mordiscada/ ¡alá vai, alá vou eu!, e aínda: O raposo está chorando/ no alto do Pedregal/ chamando polos do Pindo/ que estamos de carnaval.

Pero tamén os escritores que asinan a súa obra volveron os ollos cara esta soberbia expresión da natureza.
Quen é o que mora aquí, que anterga xente
de broncee ferro negros e acubilla
na maxestade desta maravilla
tesa diante dom ar omnipotente.

Quen ten habitación nestes penedos
de rosado esplendor, que pobo altivo
de refuxian o monte duro e esquivo
e coñece os seus íntimos segredos.

Quen brinca sobre as pedra cabaleiras
e ouvea coma os ventos espantosos
de rebentar o fero mar infindo.

Quen and apor aí nas penasqueiras,
quen mora os territorios tenebrosos
e as espeluncas máxicas do Pindo.
O soneto, titulado Pindo, que convén recoller enteiro e na súa orde, é de Dario Xohan Cabana, incluído no libro Patria dom ar.
Aubrey F. G. Bell, o inglés ao que xa fixemos referencia, describíao así: “Os penedos están partidos, dentados, engurrados e dobrados en moitas formas curiosas. Un está luído coma unha enorme caveira, outro é coma o barrete dun crego; outros coma un león ou unha esfinxe ou unha tartaruga ou están perfectamente equilibrados apuntando ao ceo”. Marilar Aleixandre no seu libro Lobos nas illas, evoca a súa presenza permanente: “O lonxe adiviñábase, mellor que verse, a enorme rocha do monte Pindo, un sinal das forzas do interior da Terra, que botan fóra un coágulo de pedra e non admiten sequera que as forzas do exterior o cubran de verde ou de lama”. Xabier Rodríguez Baixeras dedicoulle o seu poema “Crepúsculos ó pé do monte Pindo”: “Que turba compañía/ estremou os penedos cos valados/ mirou lobos nas illas, revolveu/ nas cavernas os ventos abismados”. De Arturo Romaní son estes outros versos: “Amósaste espido, fermoso/ coma un deus antigo, sen árbores/ nin flores, ós ventos e ás chuvias do inverno...”. Cesáreo Sánchez Iglesias, ao que xa citamos a propósito do Cadoiro, escribiu tamén a súa impresión: “Silencios de esquisto e cuarzo/ Luz en fragmentos solares/ partidas para o claror”. Expresiva tamén a descrición de José Mas: “¡Soberbia montaña! É ela mesma outro firmamento. Nas vertentes, a pedra parece volatilizarse e converterse en nubes”. E Isolda Santiago: “No Pedregal viven os lobos e as meigas”. Na novela O segredo da Pedra Figueira, María Xosé Queizán vincula o monte co mar: “Unha praia, redonda coma unha vieira, relucía ao lonxe, rematada por unha pedregosa e impoñente montaña que era quen de resistir toda a furia oceánica. Contrastando coa inmensidade da montaña, unha pequena illa, no medio da enseada, quería abrigar o recanto do areal”.
Francisco Xosé Fernández Naval, "Chisco" (Ourense, 1956) é un escritor e poeta galego.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e ex-subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
Coñecer