21/02/11

Profundo pesar polo pasamento do directivo da AMPPN Euloxio Franco

Euloxio Franco deixounos prematuramente onte 20 de febreiro, con só 55 anos. Este excelente compañeiro e mellor persoa conciliou as súas tarefas na directiva da nosa Asociación cunha profusa implicación social mediante o movemento asociativo e tamén coa súa participación política no BNG de Carnota, partido polo que era concelleiro desde o 2007.

Euloxio deixa un gran baleiro no seo da Asociación Monte Pindo Parque Natural e tamén na súa veciñanza, entre a que era moi querido e respetado pola súa inmensa calidade humana e o seu compromiso inquebrantable por ver a Carnota mellorar un pouco cada día.

Desde aquí vaia o noso máis sentido pésame aos seus, e a promesa de poder legarlle a título póstumo aquelo que tanto desexou e co que tanto soñou: ver o monte Pindo protexido, coidado, aproveitado e convertido en Parque Natural.

Ata sempre, Euloxio.

16/02/11

Reviven a cultura do mel nas abas do Monte Pindo

A iniciativa veciñal de Caldebarcos consolida a súa decidida aposta por recuperar e ensinar á mozos e non tan mozos o antiquísimo arte de rabechar o mel: a apicultura.

A fructífera colaboración da Asociación Xurde Caldebarcos, da Mancomunidade de Montes e da Comunidade de Augas vén de dedicar o ano 2010 a recuperar as vellas alvarizas sitas nas proximidades do lugar de San Cibrán (nos mesmísimos pes do Monte Pindo) e deixándoas a punto para aprender apicultura e comezar a traballar nelas.

Asi, neste recén comezado ano 2011 Caldebarcos comeza a ver os froitos da unión e do traballo veciñal, e xa leva semanas agasallando cun tarro de mel ecolóxico e producido na terra a cada veciño.

Pero as intencións dos veciños non rematan aquí: dispostos a compartir este doce ben con toda a sociedade, veñen de presentar un intenso calendario de accións formativas que se desenvolverá en nove xornadas ao longo deste ano, para que todos e todas as interesadas na apicultura ecolóxica poidan aprender este ancestral oficio e, o máis importante, exercitalo como se fixo toda a vida, nunha alvariza coma as de antes; todo un luxo nos tempos que corren.

Velaí o calendario completo de actividades:
Programa Curso Apicultura Caldebarcos 2011

27 de febreiro: As abellas. O enxame. A vida do enxame ao longo do ano
  • Prácticas: Visita á colmea: apertura e visita interior.
  • As abellas e o medio ambiente: polinización.
  • Apicultura. Apicultura en Galicia: tradición e modernidade.
20 de marzo: A comida das abellas: As flores, o néctar o pole e o propole
  • Instalación do apiario. Factores a ter en conta.
  • Prácticas: Observacións da floracións, visita a colmea. para observar a súa evolución, colocar alzas.
24 de abril: A casa das abellas: A colmea, partes da colmea, o panal
  • Os abelleiros, equipo e utensilios, manexo do afumador.
  • Calendario de traballos do apicultor ao longo do ano.
  • Prácticas: Visita a colmea e colocación de alzas.
22 de maio: Multiplicación do apiario: recollida de enxames, formación de núcleos
  • Prácticas: División de colmeas.
19 de xuño: Sanidade apícola: Principias parásitos que afectan as abellas
  • Prevención de doenzas.
  • Control de enfermedades. Desinfección.
  • Prácticas: Visita a algún apiario sospeitoso de padecer algunha doenza: Loque, varroa …
17 de xullo: Produtos das abellas. Os distintos produtos das abellas: calidades e cualidades
  • Prácticas: Visita a apiarios dos alunnos, apiarios antiguos da zona e visita a colmea.
04 de setembro: A esmelga, local de extracción do mel, equipamento do local
  • Prácticas: Colleita do mel. Extracción. Decantación.
18 de setembro: Comercialización do mel. Distintos modelos
  • Práctica: Envasado e etiquetado do mel
25 de setembro: Pequena viaxe apícola

Prezo de inscrición:
De balde
Inscricións:
Ata o 28 de febreiro nos números 619 581 169 ou 625 382 644, ou ben en persoa na Casa da Crega, e tamén na Escola de Caldebarcos os sábados de 19:30h a 21:00h.
Non podemos máis que felicitar e aplaudir a rabiar a estes colectivos e as enerxías veciñais que neles se agrupan por resucitar unha tradición que parecía máis que esquecida e adaptala aos nosos tempos para o disfrute das xeracións que non tiveron a oportunidade de vivir os tempos onde o mel constituía unha máis das fontes de ingresos na cultura de subsistencia característica ás zonas rurais do noso País. Só cabe lembrar que este doce manxar constituía o principal substento de lugares como o hoxe abandonado núcleo de San Cibrán, onde se multiplican as colmeas nas paredes das propias vivendas.

Convidamos a todos os amigos do Monte Pindo a anotarse nesta fermosa actividade, ao cabo da cal, por suposto, cada participante verá o seu esforzo compensado cun tarro de mel ecolóxica froito do seu traballo.

15/02/11

Amigos da Terra... e tamén do Monte Pindo

Seguimos recibindo máis e máis apoios á nosa causa, e benvidos sexan! A última adhesión á declaración do Parque Natural para o Monte Pindo chega de man dos Amigos da Terra, unha asociación ecoloxista internacional fundada no ano 1971 en Estados Unidos, Gran Bretaña e Suecia coa premisa de “Pensar globalmente. Actuar localmente”, e que no ano 1997 formou unha delegación galega, cuxa actividade radícase maiormente na provincia de Ourense.

Desde aquela, desenvolveron unha intensa actividade en defensa do noso medio natural en cuestións como Prestige, incendios, minicentrais... e agora tamén en defensa do Monte Pindo.

Saudamos esta nova e máis recente incorporación á causa da defensa e desenvolvemento substentable do Monte Pindo e do seu entorno, coa confianza de que todos os que aman este espazo tamén llo agradecerán.

11/02/11

A Asociación Cultural Cultura do País, co Pindo

Como ía faltar o apoio dos amigos lucenses do Monte Pindo! Pois chegan de xeito colectivo e para quedar.

A Asociación Cultural Cultura do País, cuxa actividade emana desde Lugo mediante o activismo cultural con obxecto da "recuperación das tradicións populares até a posta en valor de feitos históricos, personaxes, celebracións e acontecementos da nosa cultura", gardando un oco destacado na súa labor para a defensa do idioma galego.

Convidámosvos a coñecer o seu espazo web, nos cales ademais de estar ao día da súa intensa actividade, poderedes ler o seu apoio á declaración de Parque Natural para o Monte Pindo.

Facemos tamén noso o seu anceio de "tecer lazos que fagan medrar e socializar a nosa cultura", poñéndonos á súa enteira disposición.

07/02/11

Cántigas da Terra: 94 anos de defensa da cultura... e agora do Monte Pindo!

Seguen chegando máis e máis apoios ao agardado Parque Natural do Monte Pindo. E esta vez, cun deses nomes que cómpre facer antes un alto para pronuncialo con respecto, paseniño. E é que se trata nin máis nin menos que a coral coruñesa Cántigas da Terra, fundada en 1916.

Non podemos máis que emocionarnos ante a importancia de tal apoio provinte dunha das organizacións que sen lugar a dúbidas máis fixo pola cultura e a tradición galegas ao longo do último século, e que segue pervivindo con máis forza -e membros- que nunca.

Pois iso, que grazas á coral, Monte Pindo Parque Natural!

Cántigas da Terra debutou ante o público o 12 de xullo de 1917 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa peza A festa do Tabeirón, de Enrique Labarta Pose. Estaban dirixidos musicalmente por Mauricio Farto Parra e artisticamente por Leandro Carré Alvarellos e Xosé Iglesias Roura.

O 25 de setembro de 1922 o grupo actuou na praza de touros de Corcubión, con seis mozas vestidas co traxe típico da Mariña cantando no Coro acompañadas por vinte e tres homes. Naquela ocasión estiveron dirixidos por Manuel Fernández Amor, creador dos corpos de baile e polifonía.

En 1954 o coro foi invitado ao II Congreso de música celta celebrado en Brest, na primeira actuación dunha colectividade galega na Bretaña francesa. Nese congreso logo da comunicación presentada pola representación do Coro, aceptouse que "as características e constantes esenciais da música popular galega, eran coincidentes con aquelas outras dos países representados", pasando Galicia a ser considerada unha das nacións celtas.

A formación gravou 19 discos. O primeiro deles foi en 1920, en matrices de cera, e o último foi presentado no 2004. Ademais participou en gravacións para programas de radio e televisión de varios países. Durante a súa historia o coro fixo actuacións nas aldeas e vilas galegas e de fóra do territorio, viaxando por España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Gran Bretaña, Arxentina e Brasil.

Historia de Cántigas da Terra extraída da Galipedia.

03/02/11

Sabías que o Monte Pindo ten dedicada unha rúa en Italia?

Pois si. A "Vía Monte Pindo" atópase no fermoso municipio de Fabrizia, situado na provincia de Vibo Valentia, na rexión de Calabria (no extremo máis meridional de Italia, a famosa "punta da bota").

Os veciños de Fabrizia honran a San Antonio de Padua o 13 de xuño, e apenas suman 2.500 habitantes por ter perdido a metade da súa poboación en cousa de medio século. Porén, conta con bastantes servizos, como farmacia, banco ou escolas. A súa festa popular máis coñecida é unha Castagnata que non precisa tradución, e teñen moita afición pola colleita de fungos. Abondan os xabaríns e o carballo é tan típico nesa zona que mesmo coroa a xeito de loureiro o escudo da provincia.

Moitos fabriziotis (pois así se chaman) ignorarán que o nome dunha das rúas do seu concello vén dado por un monte considerado sacro situado a 2.190 quilómetros de distancia na temida fin do mundo da lonxana Galizia, e menos aínda que os seus habitantes se están unindo na súa defensa para que o declaren Parque Natural. Pero ben pensado debemos desculpalos, pois tamén nós ignoramos o motivo polo que o Olimpo Celta bautiza unha rúa tan alonxada no plano.

Aínda que esperamos que sexa por pouco tempo: A Asociación Monte Pindo Parque Natural xa enviou un correo ao alcalde de Fabrizia, rogándolle calquera información que poida relacionar a localidade italiana coa galega. De dar os seus froitos esta misiva agardamos poder revelala neste espazo en pouco tempo.

Por certo, supoñemos que as semellanzas entre Fabrizia e calquera localidade típica galega vos sorprenderon. A nós tamén nos sorprendeu saber que somos tan parecidos en todo... ou, mellor dito, en case todo: Fabrizia xa ten o seu parque natural.

Os pequechos de Ponteareas descubren o Monte Pindo

O profesorado do CEIP Santiago de Oliveira de Ponteareas tivo a feliz idea de traballar cos seus pequechos de cara a ensinarlle os valores naturais do Monte Pindo. Asi o anuncian no blog de 2º curso:
Estes días estamos traballando os animais.. a natureza, tamèn falamos aí atrás de asociacións que se adican ó coidado da Natureza.
Falamos entre elas de Adega, esta asociación galega , en colaboración con outros colectivos reivindica a consideracion do Monte Pindo como Parque Natural.
Ademais, acábannos de comunicar que os pequenos colaborarán co flashmob polo cal o logo do Monte Pindo pasará de man en man dos nosos amigos e as nosas amigas do mundo enteiro para rematar coroando o máis alto da Moa.

Desde a nosa Asociación aplaudimos a iniciativa deste centro, non só por difundir os valores deste marabilloso espazo que a ninguén deixan indiferentes, senón sobre todo por traballar con nenos de tan curta idade de cara a sensibilizalos co coidado e o amor pola natureza en xeral.

Ogallá antes que despois esta visita virtual dos intrépidos pequechos ao Monte Pindo se poida convertir nunha realidade.