“A herba medra aquí da noite para a mañá”, esa é a fecunda expresión que emprega Frei Martín Sarmiento para se referir ao monte e que reforza a tradición de subiren enfermos ata o Campo da Moa e llos ofrecer ao monte, circunstancia tamén recollida por el no seu libro Viaxe a Galicia, de 1745. É esta unha xeografía salpicada de regatos, de recunchos sombrizos nos que se agocha a perdiz, de campías onde a egua vixía os primeiros pasos do poldro, de abrigos que, en días de guerra, acolleron aos fuxidos que atendían ao xeito de tender a roupa das lavandeiras, xa que era ese o código secreto que os avisaba dos perigos. Dese tempo será a copla que aínda se lembra na parroquia que leva o nome do monte: Se vas ao monte do Pindo, non pises as margaritas, que están regadas co sangue, dos pindeiros socialistas. Os arredores do monte foron testemuñas de accións de resistencia e castigo nos días da francesada dos que nos da conta o tenente da armada británica Basil Hall, destinado no buque Endimión que participou na batalla de Corcubión e que deixou escrito un relato do que aconteceu aqueles días. Preto do monte pasa o camiño de peregrinación de Compostela a Fisterra, tal e como o proba a existencia dun topónimo Hospital, no concello de Dumbría. Se cadra era por aquí por onde andaba o wakner, do que nos informaba o bispo armenio Mártir, peregrino no século XV, que o describe como animal silvestre, grande e moi daniño. Por aquí tamén andaría a estadea á que se refire Borrow, o viaxeiro e vendedor de libros, camiñando ata Fisterra, o destino soñado por el dende a infancia.
Nalgún lugar deste intricado mundo de pedra está enterrada a Raíña Lupa, señora da vida e da morte, segundo o profesor Alonso Romero, muller á que correspondeu xogar papel principal na lenda xacobea. A memoria colectiva relata marabillas asociadas ao nome desta muller, “enterrada con sete millóns de ouro á cabeza e sete millóns aos pés”, aínda que o tesouro principal estaría no fondo do Cadoiro, pozo Negro ou da Cortada, que con esta variedade de nomes lle din ao lugar no que se despena a fervenza do río Xallas, tamén coñecido como Ézaro neste tramo final. No século pasado atopouse preto da fervenza do Xallas, un medallón de cobre no que aparecían debuxadas sete figuras de ave, quizais cisnes. Fernando Alonso Romero publicou un interesante estudio sobre el, a partires dun debuxo que se conserva, porque o medallón desapareceu, ignorándose a paradoiro actual, pero o sete quedou asociado á mitoloxía particular da Raíña Lupa, dona destes lugares.“De sombra/ o teu grito/ que non cesa” escribiu da fervenza o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias. “Un pouco máis alá pode verse unha procesión de mulleres e cativos levando e traendo sacos de gran e de fariña do muíño situado debaixo dunha grandiosa fervenza que, coa anchura dun río, cae dende unha gran altura e leva mesmo no verán moita auga”. A descrición é do viaxeiro inglés F.G. Bell, pero do muíño so restan as paredes e da fervenza a secura de todo o ano e o xogo turístico dos domingos de verán. Para darlle vida de novo, debemos buscala nas fotografías ou xogar co poder de invocación da literatura. “O Ézaro sinte presa e lánzase con atrevido salto galgante á mar” evoca poeticamente José María Castroviejo. “Ézaro, ao pé do Monte Pindo, que forma unha das paraxes de maior emoción de Galicia” resume Otero Pedrayo. “Diante está o Pindo, que semella unha fronte escura, da que cae, coma nunha fabulosa guedella de cabelo loiro, a máis grande fervenza que pode verse en Galicia”, lembra Teodoro Sandomingo. Malia a ferida que lle fixo a Galicia coa construción do encoro de Santa Uxía, o enxeñeiro e escritor Juan Benet era contrario aos tubos que descenden polo monte e que deixan sen caudal o treito final do río. A desfeita non se evitou e o escritor Miro Villar, retratou poeticamente a consecuencia: “Reloxo que non anda, Santa Uxía do Xallas”. Convén lembrar, se cadra, que este encoro era o primeiro de todo o estado construído coa técnica de formigón pobre compactado. “Semella que o xenio industrial do home comprácese en levar a prosa da vida aos máis poéticos lugares da terra” advirte Carré Aldao referíndose a esta fervenza sen auga. “Volve mirar a desembocadura do Xallas e o monstruoso salto que o home desviou e encanou prosaicamente nun tobo idiota pero que non puido destruír toda a súa beleza”, escribiu José Mas na súa novela Costa da Morte. “Este tipo de desembocadura é única en toda Europa. Segundo algúns autores este estraño fenómeno débese máis ben á resistencia da rocha que frea a erosión remontante que á elevación do terreo (horst), apunta con criterio científico Eva Vales na súa guía sobre os espazos naturais da provincia da Coruña. Máis arriba, seguindo a estrada empinada, o miradoiro decorado con murais do ceramista Xosé Luis Ribas e do escultor Manuel Ferreiro, que ofrece unha perspectiva na que a lembranza do río, o pedregal de cor rosácea, a complexidade das formas e o mar contra o horizonte, conxugan en harmonía unha paisaxe única.
No solpor, O pedregal ilumínase e ofrece o seu relevo vivo, cambiante, granítica expresión de luces e de sombras. Quen se introduce nel, descubre que este é un universo complexo, onde as pedras da lenda mesturan as súas formas coas da historia, onde os camiños cruzan bosques e regatos, onde os garañóns brúan no mediodía, no que o vento e a brétema saben do voo do falcón e no que a raíña Lupa segue a observar o mundo dende o seu trono. Os Aguillóns, Casa Xoana, Penafiel, O Pedrullo ou a Moa, son algúns dos seus cumios deste macizo, coroados polo alto da Moa, cos seus 627 metros sobre o mar e do que Álvaro Cunqueiro dicía que “É un monte para chegar de vagar o seu cume unha mañá clara, quizais polo estío, e dende el cumprir, con atentos e amorosos ollos, a visita pastoral da beleza sobre tanta e tanta terra, e sobre tanto mar”.
Coñecer