28/12/10

Monte Pindo Parque Natural, Naturalmente (I)


O Monte do Pindo, fiel á súa lenda, comprácese reafirmando o seu misterio. Coñecelo semella unha experiencia mística, un ritual de iniciación, unha descuberta que se ofrece a quen acorda penetrar no labirinto, prescindindo da comodidade, pero disposto á emoción e ao entusiasmo. Visible dende lonxe, ofrecido e presente, non é ata que ascendemos polos seus carreiros, que descubrimos toda a riqueza de matices, a explosión dos contrastes, o enigma do descoñecido, a variedade de vida que atesoura no seu interior o Pedregal, -que así é como se lle di na súa contorna-, forza e alma do territorio que abrangue este macizo granítico e tamén os montes que o circundan, terras de Dumbría e Mazaricos, paisaxes agrarias e montesías onde o garañón outea o aire intuíndo a presenza do lobo, onde o miñato debuxa circos escuros no voo de mediodía, terra na que foza o xabaril e na que medran bosques que acollen as brétemas que agardan a chegada do luar.

O macizo elévase dende o mar de Caldebarcos e Panchés, litoral coñecido como Costa das Cravas, ou dende a Curra e Quilmas, deseñando barrancas inaccesibles, debuxando contra o ceo os seus cumios agrestes, construíndo covas e furnas de difícil acceso, traballando a rocha en formas caprichosas que provocan a imaxinación do camiñante e incrementan o misterio. Velaí senón o outeiro da Casa da Xohana, traspasado no cumio de lado a lado, coma cabeza de agulla ou tránsito entre a luz e a sombra, os camiños da lúa e do sol, como chamándonos; ou esas covas que acollen restos da idade de bronce, agochados en cavernas só abertas aos espeleólogos, posible lugar de enterramento dos primitivos habitantes deste aire.

O Pindo é monte con tradición sagrada dende antigo. Son moitos os autores que insisten na súa denominación de Olimpo, velaí senón a Ramón Otero Pedrayo, quen o describe así: “O monte, formado por enormes masas de granito adopta unha forma de grave testa, e aínda florecen nas súas fisuras as figueiras salvaxes das que falan o P. Sarmiento e Jovellanos nas súas Notas de viaxe. Chamouselle un dos Olimpos célticos de Galicia e é, en verdade, un dos máis fermosos montes litorais dela”. A versión da orixe grega do topónimo, da que informan, entre outros Frei Martín Sarmiento e Ramón Artaza, quedou relativamente descartada na actualidade, apostando algúns por ser derivación de pino ou piñeiro, polos bosques que desta árbore había no Monte, explicación que vén sendo interpretación do cotián, próxima e común, pero privada de romanticismo e de épica e que frustra as expectativas de veciños e viaxeiros que senten, ao contemplar a súa complexa orografía e o bafo húmido que o cobre tantas veces, o alento dunha personalidade complexa e a lembranza dun pasado incógnito. Gonzalo Navaza, escritor e experto en toponimia é da opinión de que un accidente xeográfico de tan singular e de tan grande consideración coma o macizo, debeu ser referencia de todo o territorio, polo que o Monte debeu ser Carnota, antes de Pindo, dando nome a todo o territorio. Dúas son as razóns nas que fundamenta esta opinión: a primeira, a raíz latina da palabra Pindo, derivada de pineto, pieiro ou pena; a segunda o feito de que ningún lugar concreto responda ao nome de Carnota e que sexan dúas parroquias –Santa Columba e San Mamede- as que o utilicen e proclamen, evidenciando dese xeito que o topónimo Carnota non era en concreto de ningún lugar. De non ser así e de aceptar o nome de Pindo como única alternativa, un referente territorial de tamaña consideración estaría sen nome antes da romanización do país, cousa improbable. Abondando nisto, e da man de Fariña Jamardo, lembrar que antes da división municipal constitucional, o que hoxe é territorio do termo municipal dependía de tres xurisdicións: á do Conde Altamira de Corcubión pertencías dúas parroquias, Santa Columba de Carnota e Lariño; ao Arcebispado Compostelán, San Mamede de Carnota e ao Marqués de la Sierra, Lira. Logo, coa primeira división municipal, da etapa liberal de principios do século XIX, Santa Comba de Carnota e San Mamede de Carnota figuran como dous concellos diferentes, producíndose a unificación no ano 1835.

Continuará no capítulo II...

Francisco Xosé Fernández Naval, "Chisco" (Ourense, 1956) é un escritor e poeta galego.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e ex-subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
Coñecer máis sobre o autor

23/12/10

Observatorio da Biodiversidade: Do paripé ao fraude

Fotografía dos primeiros intres de reunión, que a Xunta mandou á prensa para simular que a súa postura era a que adoptaran os expertos. En realidade o Monte Pindo era o último punto.
Indignación e engano. Só asi se pode calificar o que sentimos aqueles que amamos o Monte Pindo tras saber o que pasou antonte na reunión do Observatorio Galego da Biodiversidade, que prevía debater -entre outras cousas- a protección do Monte Pindo. E non tanto polo que sucedeu de portas para dentro, senón polo feito de que á mesma hora do debate a Xunta de Galicia mandou unha nota de prensa asegurando que a declaración de Parque Natural no Monte Pindo non se ía tratar nesta lexislatura.

Dentro da reunión o debate transcurriu dun xeito ben diferente. Asi, a unanimidade dos presentes coincidiron na enorme importancia do Monte Pindo e na necesidade de avanzar na súa protección. Pero hai que deixar moi claro que dentro da reunión nin se rexeitou nin se aprobou -lamentablemente- o parque natural do Monte Pindo.

A nota vén a demostrar que o problema non é parque natural si ou parque natural non. O problema é a negativa da Xunta a protexer o Monte Pindo mentres a responsabilidade recaia no actual executivo, e asi de claro o transmite a súa nota de prensa. A posición da Xunta xa estaba tomada de antemán, e convertiu todo canto se falara dentro da reunión nun completo paripé, brindis ao sol, ou fraude á cidadanía, segundo se mire.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural anuncia que as aspiracións de ver o Olimpo Celta convertido no sétimo Parque Natural galego seguen tan intactas como antes da reunión, para o cal vai continuar ampliando a súa base social e explicando que o Parque Natural non é un capricho, senón a figura impresdindible para garantir o futuro deste espazo natural e o desenvolvemento substentable da súa contorna.

Asi mesmo seguiremos denunciando calquera novo intento de terxiversar e deslexitimar a nosa loita co único propósito de que para o Monte Pindo nada cambie. Porque temos que deixar moi claro que se seguimos asi, sen investir un só euro no coidado deste espazo, sen perder un só minuto en estudar como poñelo en valor, sen implicar a un só veciño nas solucións aos seus problemas, amparándonos en figuras de protección obsoletas e que só demostraron non servir para nada, antes que despois no Monte Pindo non quedará nada que protexer.

Se isto chega a pasar, todos aqueles envoltos no lamentable espectáculo de antonte deben saber que lle imos esixir responsabilidades. Non poderán lavar as súas conciencias nin con toda a auga da fervenza do Xallas.

20/12/10

O Monte Pindo entra en centos de miles de fogares da man de Luar na Lubre e RNE

O Monte Pindo segue abrindo fronteiras. Onte o espazo Abierto hasta las 2 da Radio Nacional de España emitiu un apaixoante programa monográfico sobre Luar na Lubre, no que por suposto a peza Monte Pindo que compuxeron para o Olimpo Celta galego atopou o seu lugar sonoro.

Pero ademais o programa tiña unha sorpresa moi especial preparada para o grupo, nomeadamente para Bieito Romero, visitante asiduo do concello de Carnota. O equipo de "Abierto hasta las dos" contactara co presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, que agradeceu a Bieito Romero non só o seu interese no noso entorno (que nunca perde a ocasión de demostrar colaborando coas actividades dos colectivos locais), senón tamén a súa amizade personal. As verbas do noso compañeiro sorprenderon a Bieito, que non dubidou en calificar de "auténtico druida galego" a Xilberto, e loubou a iniciativa a prol da declaración de Parque Natural para o Monte Pindo, cando só faltan horas para que a causa sexa debatida no seo do Observatorio Galego da Biodiversidade .

Na web de RNE podedes escoitar o programa completo, que se divide en dous cortes dunha hora cada un. Velaquí a primeira hora. As emocionadas palabras de Xilberto e a contestación de Bieito podémolas escoitar a partir do minuto 31 da segunda hora. Tamén se poden descargar directamente os respectivos cortes aquí e aquí.

Pouca dúbida cabe de que este conxunto referencial da música galega no mundo camiña cara a converterse no principal mentor da nosa reivindicación, e non só con palabras senón con feitos. Sobra dicir que Luar na Lubre ocupa un lugar non só nos nosos oídos, senón cada vez máis tamén nos nosos corazóns. Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, infindas grazas.

17/12/10

A Xunta anula o permiso de explotación que secou a fervenza do Ézaro

A denuncia dun grupo ecoloxista levou á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a anular a declaración de impacto ambiental que lle concedera a propia administración autonómica no ano 2001.

A institución presidida por Agustín Hernández observou que non se axustaba a dereito a declaración de impacto ambiental asinada daquela polo executivo de Manuel Fraga, a cal amparou as intencións da empresa Ferroatlántica de secar a fervenza de Ézaro, situada nos mesmos pés do Monte Pindo, restrinxindo a tan só unhas poucas horas anuais o marabilloso espectáculo que nos agasalla o único río do sur de Europa que en estado natural cae en fervenza sobre o mar.

Esta circunstancia, xunto co incumprimento do caudal ecolóxico e a ameaza da posible extinción masiva de especies de flora e fauna do río Xallas, foi a que motivou a denuncia da organización Ríos con Vida daquela, e a actuación de Augas de Galicia agora, que decidiu incoar un expediente declarando "a nulidade de pleno dereito" do permiso de explotación industrial outorgado á hidroeléctrica.

12/12/10

Os mariñeiros do concello de Carnota apoian o parque natural

As Confrarías de Pescadores de Pindo e de Lira, entidades que agrupan as traballadoras e os traballadores dos sectores da pesca e o marisqueo do concello de Carnota, uniron xa os seus folgos a prol da declaración de Parque Natural para o Monte Pindo. O apoio da de Lira aprobouna a súa directiva esta mesma semana.

Ao forte impulso que supón este apoio moral por representar un colectivo tan importante do noso concello, únese o feito de seren dúas entidades referenciais entre todas as Confrarías galegas por destacarse na posta en valor do noso medio de vida tradicional e tamén na loita polo desenvolvemento sostible do noso entorno.

E é que a Confraría de Lira é a autora do proxecto Mar de Lira, arquicoñecida receita para o recoñecemento e posta en valor da actividade mariñeira de baixura, e que fructificou na primeira reserva mariña do norte da Península Ibérica, asi como a do Confraría do Pindo que celebra as Xornadas de Pesca, que este ano acadaron a 5ª edición, e que tamén desenvolveu o proxecto Pindo Mariño para recoñecer o pasado, presente e futuro da nosa actividade pesqueira.

Non podemos máis que aproveitar este espazo para agradecer dous apoios que supoñen un paso de xigante para as posibilidades de ver en pouco tempo defendido o Monte Pindo tal e como se merece.

Á súa vez, desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural queremos recoñecer o inmenso traballo desenvolvido por dúas entidades que, pouco a pouco, conseguiron ir sacando da práctica invisibilidade o traballo abnegado de todo un colectivo, o mariñeiro e marisqueiro, dando coñecer que detrás dos excelentes manxares que chegan a mesas de todo o mundo e que distinguen internacionalmente ao noso País existe un enorme sacrificio, risco e paixón polo traballo de centos de persoas que queren facer do mar o seu medio de vida, máis tamén garantir que os recursos das nosas pesquerías poidan ser aproveitados polas xeracións vindeiras, labor e compromiso que merecen o recoñecemento de toda a poboación.

Convidámosvos a mergullarvos nos seus respectivos proxectos con sabor a mar, pois sen dúbida non vos deixarán indiferentes.

10/12/10

O Parque Natural, un pasiño máis cerca: a Xunta convoca o Observatorio Galego da Biodiversidade

Unha das principais reivindicacións dos colectivos unidos pola declaración de Parque Natural para o Monte Pindo acaba de ser asumida pola Xunta de Galicia, despois de que esta convocara o Observatorio Galego da Biodiversidade.

Este organismo, que agrupa aos maiores expertos galegos en materia medioambiental e ten carácter consultivo, levaba sen reunirse desde o 2007, co cal numerosos temas de interese ambiental galego acumulaban ata 3 anos de retraso. Isto incluso motivou que ADEGA, a organización ecoloxista que redactou a proposta pola declaración de Parque Natural, presentara unha queixa ante o Valedor do Pobo.

Finalmente a Xunta convocou a reunión do Observatorio para o vindeiro martes 21 de decembro ás 17:00 horas en Santiago. E nesa reunión, entre outras moitas cousas, debatirase e votarase a proposta de declaración de Parque Natural para o Monte Pindo.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural quer agradecerlle á Xunta de Galicia este xesto e rogarlle aos expertos citados á xuntanza que avalíen positivamente a declaración de Parque Natural como ferramenta máis acaída para a protección e o desenvolvemento racional do Monte Pindo e o seu entorno.

03/12/10

O Monte Pindo pode soar hoxe no Luar

Luar na Lubre, o conxunto galego máis internacional, vai estrear hoxe na Televisión de Galicia o seu novo disco "Solsticio" no Luar, o clásico espazo de entretemento presentado por Xosé Ramón Gaioso que comezará ás 22:00 horas.

Estaremos moi atentos ás nosas pantallas esperando que "Monte Pindo" sexa unha das pezas seleccionadas para promocionar o álbum de xeito que en millóns de fogares de todo o mundo se escoiten a un tempo os fermosos acordes dedicados ao Olimpo Celta.

01/12/10

O Monte Pindo coroa o novo disco de Luar na Lubre

A mítica formación musical galega Luar na Lubre sorprendeu na presentación do seu novo disco "Solsticio" ao incluír o tema "Monte Pindo" como oitava peza do flamante álbum xa en tendas -e xa en poder da nosa Asociación- do que podedes escoitar gratuitamente un adianto en Spotify.

Trátase dunha "homenaxe musical ao noso sacro Monte Pindo con dúas composicións de Bieito Romero", tal e como o propio conxunto o define.

A lenda de Luar na Lubre, e por suposto do Monte Pindo, continúa.