18/11/10

O Colectivo Urbano Lugrís declara o seu apoio ao Parque Natural

O listado de entidades sociais interesadas en que o Monte Pindo sexa parque natural non deixa de engrosar. Hoxe mesmo a directiva do Colectivo Urbano Lugrís asinou a Declaración de Apoio, co cal esta asociación coruñesa uniuse xa ao berro na defensa do Monte Pindo. Ademais, varios dos seus membros xa solicitaron o ingreso na Asociación Monte Pindo Parque Natural, entre eles o seu presidente.

O Colectivo Urbano Lugrís nace na Coruña en novembro do 2002 coa mirada dirixida ao mar, nada máis desaparecer da superficie do Atlántico os últimos centimetros de aceiro do malpocado petroleiro Prestige. Asi asumiron o legado do xenial pintor coruñés Urbano Lugrís, porque como ben recorda a asociación, "reflexa como nadie o espíritu da mar"; Desde entón, destacouse por poñer no mapa o nome deste artista e pola defensa afervoada do noso medio natural, da nosa cultura e da nosa memoria e sobre todo da nosa dignidade colectiva, nomeadamente das poboacións costeiras galegas

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural saudamos efusivamente este apoio dunha entidade que en absoluto nos é descoñecida pois ten desenvolto xa actividades no entorno do Monte Pindo, compromiso que os convidamos a seguir mantendo.